Galaxia porá nos pr´´oximos días nas librarías a terceira entrega do detective creado por Miguel Anxo Fernández
24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Frank Soutelo é un detective particular. Non confundir con privado, que tamén. Forxado nas noites de ordenador, cinema e literatura polo seu creador, Miguel Anxo Fernández, Soutelo é un tipo duro que tenta sair adiante no seu ambiente californiano, aínda que aportándolle á súa existencia un particular toque de retranca galega, como bo descendente de emigrantes. Os seguidores, que tamén os hai, deste detective «californiano de orixe galega» están de noraboa porque Editorial Galaxia vai poñer nas librarías de todo o país nos próximos días a terceira entrega das aventuras desta personaxe: Tres disparos e dous friames.
A nova entrega de Frank Soutelo é a última da súa etapa americana, xa que segundo Miguel Anxo Fernández «os dous próximos volumes das aventuras de Fran Soutelo xa se desenvolverán en Galicia. De feito, na próxima entrega, na cuarta, Soutelo andará a visitar a terra dos seus familiares e o argumento da novela discurre pola zona de Muros».
Vencello cinematográfico
Se en Un nicho para Marilyn o noso detective andaba enredado nunha misteriosa trata de corpos de antigas estrelas de Hollywood e no segundo volume da colección, Luar no inferno, se vía envolto nunha trama negra na que se mesturaban os magnates cinematográficos, o tráfico de mulleres na fronteira mexicana e as películas ilegais realizadas con violencia real, as snuff movies, polas páxinas de Tres disparos e dous friames siguen Frank Soutelo, a súa secretaria Pat e o seu axudante Sugar Jones a enredar en episodios vencellados co cine.
Segundo se reflicte na propia contraportada do libro, en Tres disparos e dous friames «este detective volve meterse en leas nos máis escuros e depravados ambientes de Hollywood. Unha aspirante a actriz, moza e fermosa, un importante e respectado productor de cinema que busca satisfacer os seus instintos e unha muller cobizosa que mantén a ficción dun matrimonio perfecto son os vimbios cos que Miguel Anxo Fernández constitúe unha historia chea de sorpresas e reviravoltas».
Para Miguel Anxo Fernández, a nova novela das aventuras de Frank Soutelo «contén as mesmas bazas que os resto da serie: moita acción, obviamente unha marcada pegada de referencias e espazos reconocibles para os amantes do cine, novas situacións nas que participan os familiares galegos de Soutelo e moita intriga».
Traballo sobre os franceses
Entre outros aspectos, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) ten traballado na recuperación da memoria histórica vencellada coa invasión francesa e as loitas cos galegos que os botaron do país. Nese contexto se enmarca a súa obra O sabre do francés (Editorial Galaxia, 2002). O profesor universitario e crítico de cine está a traballar nun proxecto vencellado a esta realidade. Trátase «dun encargo para facer una novela curta ou un relato recollendo a presenza e os episodios máis importantes da loita contra os franceses na provincia de Ourense. É un proxecto que verá a luz no vindeiro ano».