Coincidindo co 25 aniversario do BNG en Ourense, o seu ex secretario comarcal repasa a historia recente do nacionalismo
08 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Veu a este mundo no Camiño de Portocarreiro hai 63 anos e alí viviu ata os 33, pero nacer, ter conciencia de vida e compromiso político sería moito máis tarde. ¿Aos 18 anos cando emigrou «coma moitos galeguiños» ao norte de Francia e se decatou de que os que chegaban de fóra tiñan un «valor social residual, sen posibilidade de integración»? ¿Cando regresou tres anos despois co sentimento nacionalista aínda máis agromado? ¿Cando agarimou o berce do BNG na Agrupación Cultural Auriense, daquela a carón do cine Avenida?
Antón Sánchez Rivero acaba de vivir os 25 anos da formación do BNG en Ourense, un partido do que foi concelleiro en Ourense, deputado provincial e responsable comarcal. A formación frentista celebra a efeméride de traxe e garabata, co discurso moito máis pulido e modulado, dende o poder en institucións coma varios concellos ou na Xunta. Pero o camiño non foi doado, «porque foron moitos anos de invernía».
Gran parte desa friaxe viviuna el e moitos coma el na vella sede do Bloque no número 17 da rúa da Paz, o lugar onde están hoxe moitas das súas lembranzas e onde se saca a foto para La Voz. Dende o 1 de maio de 1990 dedicouse de cheo «á organización», un termo que ten interiorizado a vella garda nacionalista e que debe querer dicir algo así como a esencia que os une ou o santo graal que estes cabaleiros custodian.
Daquela xa se percibía que a primavera da representación institucional estaba cerca. Nas municipais de 1979 o BNG situou na corporación ourensán a Milagros Freán e Norberto Tabarés, pero nos comicios de 1983 e 1987 houbo unha seca terrible. En maio de 1991, o mes das flores, as cores do BNG chegaron de novo ao Concello con Antón Sánchez Rivero e o finado Xosé Henrique Rodríguez Peña. Imposible esquecerse «do Peña».
«Un tipo entrañable»
A faciana amable e burguesa do Bloque «era un tipo entrañable, un home moi bo e cun enorme mérito político que respondía perfectamente ao perfil do seu avó, Peña Rey, un mestre para el no político e no persoal», lembra hoxe Sánchez Rivero.
Con el deu os seus primeiros pasos como concelleiro, «nunhas épocas absolutamente terroríficas porque eu non tiña nin idea do que era o Concello». E houbo que porse a estudar: «Os primeiros catro anos tiven que ler miles de folios e documentos para saber de que ía todo aquilo, pero non o debemos facer moi mal porque no 95 xa eramos seis concelleiros».
Tan en serio se tomou a súa responsabilidade que ata un concelleiro do CDS, Juan Carlos Mosquera Bacariza, díxolle que «parara o carro porque te vas volver tolo. Eu pensei que aquilo era coma unha empresa privada, pero moi pronto vin que un expediente tardaba meses de ir dun departamento a outro e xa me din conta que iso era difícil de cambiar». Sobre todo dende a oposición.
Pero non bota de menos as meles do goberno porque fai gala dunha filosofía política que xa non se estila moito. Sánchez Rivero sostén que «o poder é unicamente un instrumento para conseguir cousas máis importantes, como lograr que Galiza teña máis conciencia de país».
Retirada
Estivo moi pegado á institución ata o ano 2003 e decidiu deixar paso a outros, aínda que quedou como responsable comarcal do BNG. Un ano despois, o 25 de xullo do 2004 recibe un serio aviso vital: «Tiven serios problemas de saúde e pasei dous anos dedicado unicamente a recuperar a miña saúde e despois de pensalo moito, decidín deixalo e non me arrepinto para nada». Forma parte dunha nómina de persoas e persoeiros que xa quedan polo camiño, porque unha formación como o Bloque tamén muda, non sempre de xeito moi elegante.
Por certo, falando de elegancia, opina Sánchez Rivero que non andou fino o partido retirando aos cuarteis de inverno a Xosé Manuel Beiras, a referencia da formación durante décadas. «O BNG debeu ter outro tacto, outra consideración porque é a persoa que máis aportou a que o partido medrase e se implicase na sociedade e non se pode prescindir así polas boas dunha persoa que xorde unha vez cada século».
O papel de liderado está hoxe en mans de Anxo Quintana, cun perfil humano e intelectual diametralmente oposto a Beiras. Sánchez Rivero, amante do ciclismo fai o simil do pelotón porque di que «é deses ciclistas que tiran sempre do pelotón, que son capaces de tirar a tope e levar consigo a todo o equipo con el porque ten unha gran forza física, unha gran capacidade de traballo e de convencemento do que está facendo».
Valora polo tanto as virtudes dos dous grandes protagonistas do Bloque nestes últimos anos, un tempo que Sánchez Rivero avalía sentado nun outeiro e como xubilado que decidiu levantar o pé, pero que segue namorado da política e prendido do sentimento nacionalista que calou nel ata a medula.
E xa foi así antes de estar no compromiso público. El xa se definía como tal cando traballaba en Román Saco ou «nos 23 anos e dous meses» que pasou na Armería Marcial, un comercio clásico. ¿E como o facía? «Por exemplo, falando galego, aínda que en 1962 era cousa de paletos. Xa ves».