Castro Caldelas quere ser un referente anual do Dereito

Jesús Manuel García

OURENSE

Castro Caldelas pretende ser cada ano un referente do Dereito. Nesto comeza a traballar o Concello que xa ten o apoio de homes da Xustiza entre eles o do fiscal xefe de Galicia. A experiencia do curso Galicia, vista polo Dereito , deixou satisfeitos a todos os organizadores, pola categoría dos poñentes e polo acto de homenaxe ós tres xuristas locais.

Desde o grupo de goberno municipal subliñábase onte que a homenaxe foi un acto querido e apreciado polos caldelaos. «O pobo comeza a darse conta da dimensión dos persoeiros homenaxeados», dixo a concelleira de Cultura, Sara Inés Vega, lembrando que todos os caldelaos foron convidados ós actos, incluida toda a corporación, a pesares de que o PP non se sente convidado. O curso conta coa colaboración de varias entidades, desde a Universidade de Vigo ata Presidencia e Vega indicou que foi un programa «moi oportuno e de relevancia pola entidade dos participantes».

O catedrático da Universidade de Santiago, Xosé Manuel Beiras Torrado, pechou a última xornada falando do estatus político de Galicia, «que é unha nación pero unha nación non é un territorio. Un territorio é unha rexión xeográfica e hai nacións que non teñen territorio. O territorio non é necesario para que haxa nación», dixo. Beiras Torrado explicou que xa é tempo de revisar a Constitución. « Non está asentada a democracia. A sociedade muda pero non a Constitución» e lamentou que só se fale da Constitución para modificala e resolver o problema dinástico. Subliñou que é preciso resolver na Constitución, para chegar a un novo Estatuto de Galicia, o poder de autogoberno, a identidade nacional de Galicia; articular a administración local na comunidade autónoma, ter unha facenda galega» e por último, ter presenza na Cámara Alta con dereito de veto ás invasións de competencias e nos órganos de decisión da UE; blindaxe das competencias exclsuivas e necesaria exclusividade de competencias en lingua, cultura, ensino». Beiras advertiu: «Esto non rompe con España».