Nas instalacións de Pereiro, José Ramón González conta con varios animais premiados en campeonatos estatais
13 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A cría e selección de cans é unha actividade que require moito traballo e que, na maior parte dos casos, nace da afición ó mundo dos animais e a unha raza concreta de cans. José Ramón González adícase á cría de pastores alemáns en Castadón, en Pereiro de Aguiar.
-O argumento recurrente é que a cría de cans non é unha actividade lucrativa.
-É certo. No caso da provincia son contados os criadores e sempre é unha actividade complementaria que fas porque che gusta unha determinada raza. No noso caso, somos dúas persoas cun traballo polas mañáns que adicamos as tardes á cría porque nos gusta este tipo de cans.
-¿E cantos anos levan desenvolvendo esta afición?
-Máis de 14 anos. Esta é unha raza que te engancha e vas pouco a pouco facendo máis cousas e desenvolvendo novos proxectos e iniciativas.
-¿Quedou relegado este tipo de can coa implantación que tiveron outras razas que antes apenas tiñan presenza?
-Si que é certo que antes era un can de referencia maioritario e que se foi creando nos últimos anos un panorama moito máis variado en canto a razas. Mais, con todo, o pastor alemán é na actualidade un dos cans máis demandado e é o can máis completo que existe. Iso é algo demostrado polos especialistas e en tódolos tratados; é o can que en conxunto, sumados tódolos parámetros e aspectos -como rastreo, busca, defensa e outros- obtén as mellores puntuacións e valoracións. Como animal de compañía e para seguridade é o mellor.
-¿É moi costoso desenvolver unha actividade como a cría de cans de pura raza?
-Nisto hai que diferenciar dous aspectos: a xente que fai cría e selección para conseguir os mellores animais e a cría tradicional.
-¿E as diferenzas son?
-A cría tradicional é unha persoa que ten un can e busca outro da mesma raza para cruzar. Ben para darlle ós amigos ou a familia ou para vender. Isto faise sen levar a cabo unha selección, sen analizar liñas de comportamento, xenética nin nada e o que se consigue é devaluar a raza, o que acaba dando problemas. A cría que nós facemos está dirixida a mellorar a raza e a contar con cans para competición, buscamos sementais en Alemania ou Francia e conseguimos animais totalmente sanos e con probas de traballo e sociabilidade. De feito temos varias campeonas de España e contamos cun afixo coñecido a nivel de todo o Estado.
-Terán daquela unha importante demanda.
-Logo de anos de traballo e investigación consigues un respaldo importante que se traduce no prestixio e na demanda que xeneras. Nós temos os animais reservados xa antes de contar coas novas camadas.