Del Olmo non estaba

OURENSE

A memoria histórica e a plasticidade das danzas tradicionais sufi pecharon a Mostra de Ribadavia

26 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

ourense | A Mostra de Ribadavia convértese cada ano nun punto de encontro para os amantes do teatro e da cultura. A capital do Ribeiro é referencia para actores, programadores, directores e outros profesionais. Por sorte, entre o público que este ano pasou polos escearios habituais da MIT non estaba o xuíz Juan del Olmo. A dedución fíxose máis que evidente na noite de festa que anunciaba o 25 de Xullo. Outra volta, a organización da Mostra quixo dar un especial protagonismo á memoria histórica, como sinalou o director Rubén García, por considerar con xustiza que non podían quedar tantas décadas de silenzo e escuridade resumidas no 70 aniversario da guerra civil e para iso se programaron dúas montaxes vencelladas con esta recuperación. Aínda que as circunstancias fixeron que fosen tres, ó elexir Ay, Carmela para cubrir a baixa do Centro Dramático Nacional. Como sinalou un asiduo «esta foi a Mostra de Franco»: o pregón correu a cargo de Camilo Franco, en Cantando bajo las balas Millán Astray non deixaba de repetir aquilo de «Franco, Franco, Franco» ou «Franquito, mi discípulo, salió mejor que yo en todo... menos en el gusto para elegir a las mujeres», no Cancioneiro Republicano tamén era satirizado o dictador e Ay, Carmela é a metáfora da guerra civil creada por Sanchís Sinisterra. A última xornada da Mostra, penúltima en realidade ó trasladarse a onte a representación de Ay, Carmela tras ser aprazada pola choiva, ofreceu ós espectadores o Cancioneiro Republicano, de Micomicón (Premio do público en 2006), e Dervish in progress, do bailarín turco Ziya Azazi. Nesa volta ó pasado tomando como pretexto o cancioneiro na época republicana os actores da compañía Micomicón incluiron unha estrofa satírica coa monarquía daqueles anos trinta -«Un niño estaba cagando / y no tenía papel / pasó el rey Alfonso XIII / y limpió el culo con él»-. Por sorte para os que estaban no castelo o xuíz Del Olmo non figura entre o público. Se así fose seguro que nos quedabamos sen a mitade da representación, clausurada por un presunto delito de inxurias á Coroa. Dende Turquia O remate da MIT, agás pola montaxe aprazada a onte, foi unha nova e arriscada proposta: o bailarín turco Ziya Azazi encheu de maxia e plasticidade o adro de San Domingos cunha montaxe centrada nas danzas tradicionais sufi e no seu misticismo.