O alcalde lembra que o Goberno de Fraga daba ata 24.000 euros A vila estreará o día 16 a Festa da Cachucha, do licor café, da bica branca e do xastré
29 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Laza engade este ano unha novidade ao seu entroido: a Festa da Cachucha, do licor café, da bica branca e do xastré, que será no polideportivo na noitiña do 16 de febreiro a un prezo por cabeza de 15 euros. A festa gastronómica e o entroido xa están anunciados grazas a un cartel da autoría da xoven Silvia Pazos Hermida. Os dous productos máis típicos do concello son a bica branca -que deriva segundo a tradición local, da casa do cura de Castro de Laza, que estaba delicado a e criada ideou esta bica dixestiva- e o xastré, licor de baixa graduación e herbas. Esta festa pretende atraer aínda a máis xente a Laza, o entroido máis antergo de Europa e o máis visitado de España por investigadores cada ano. O alcalde, José Ángel García, ao tempo que presentaba esta cita, amosou a sú preocupación porque, dixo, desde que cambiou de cor a Xunta, non se segue co convenio para promocionar o triángulo máxico do entroido: «Falamos de promoción, non de cartos para a festa. Igual se lle dan euros a outras festas menos importantes. ¿Por que se lle nega aos concellos de Verín, Xinzo e Laza?» García lembrou que coa Xunta do PP chegouselle a dar a estes tres concellos 24.000 euros: 8.000 euros a cada un dos que 5.000 os poñía a Xunta e 3.000 cada goberno local. O 5 de febreiro recibirá aos tres alcaldes o director xeral de Turismo. «Dinnos que teremos subvencións pero cando saian. Non sabemos cando nen cantos cartos serán E o entroido está aí», dixo o alcalde de Laza.