Queremos ter un plan estratéxico

OURENSE

ANACOS | O |

24 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

AÍNDA non acaba de estar moi claro o que imos facer con esa táboa de salvación que se chamou Plan Estratéxico Ourense 2010. O parto foi polémico, con dor e conflictivo e o famoso plan foise arrastrando, con máis críticas e aprazamentos que acertos, ata dar coas súas propostas nesa zona da memoria donde habita o esquecemento. Os promotores da iniciativa manteñen que a validez da mesma segue a ser real e máis necesaria que nunca, mentras desde a oposición se califica de fume e posta en escea aquela cita que nos amosou o que os expertos consideraban como as intervencións maxistrais que nos porían no camiño da equiparación co resto de Galicia. Todos, os que agora gobernan en Compostela e aquí son oposición e os que na capital de Galicia quentan escaño mentras na provincia gobernan como fixeron sempre, reclaman unha aposta pola provincia mais ninguén lle quere pór nome e apelidos ó que hai que facer, con que cartos, cando e para que. O Plan Estratéxico Ourense 2010 está en paro biolóxico e os que gobernan en Compostela non van pasar por tirar dese carro, porque desde sempre rexeitaron o plan estratéxico tal e como foi elaborado e configurado pola Deputación e pola consultora elexida para ese proxecto. Cumpría, xa que logo, que esas anunciadas medidas para relanzar a provincia de Ourense e a famosa discriminación positiva a prol do interior de Galicia se materializara en proxectos concretos, en prazos firmes e realistas -non como os dese AVE que ía estar operativo no 2010 e que en moitos tramos non estará nin en obras nesa data- e nunhas estratexias que sirvan dunha vez por todas para poñer a andar a provincia. E daquela que lle chamen como queira e lle poñan o ano que desexen, mais con actuacións, investimentos e prazos concretos.