«Falta mentalidade para desfrutar do tempo libre»

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE

OURENSE

PILI PROL

Entrevista | Dositeo Veiga Aposta por dignificar unha profesión que moitos non se toman en serio, a de animador sociocultural, sobre todo polo traballo que se desenvolve con nenos

05 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O Nadal é unha época na que o lecer cobra especial importancia. O tempo libre adícase á familia e aos amigos pero os nenos encóntranse con demasiadas horas baleiras. Empresas especializadas, como Altega, dan alternativas. De feito, acaban de pechar un programa gratuito ofertado aos colexios da capital. -¿Cal é a situación da animación sociocultural en Ourense? ¿Está xa profesionalizada? -O certo é que non. -¿Que se podería facer para logralo? ¿En que están a traballar? -O que faría falta é que quen contrate a profesionais de tempo libre contrate a verdadeiros profesionais e non a grupos de amigos. Non se valora, aínda, este traballo. Hai que intentar que a xente se conciencie de que un monitor de tempo libre tamén precisa unha nómina, a Seguridade Social... É unha profesión tan seria coma outras. Ou máis, porque en moitos casos se está a traballar con nenos e aí xogaste o tipo. -¿Traballan con outros sectores de poboación, ademais do infantil? -Organizamos todo tipo de actividades aínda que o certo é que a maior demanda social é para nenos. -¿Que tipo de actividades oferta aos adultos? -Por exemplo, en verán organizamos unha ruta de sendeirismo nocturno con astronomía durante a que tamén se contaron lendas. Cos adultos o tempo libre pode traballarse dende o punto de vista da natureza e do patrimonio, por exemplo. -¿Que tipo de persoas queren ter o título de monitor de tempo libre? -O perfil é cada vez máis variado. O grupo gordo confórmano alumnos de Maxisterio e Educación Social pero tamén hai xente que quere completar a súa formación ou simplemente facer algo. -¿Sería bo para que os pais non queden sen recursos para o ocio dos seus fillos? -Sería ideal pero dende logo eso non significa que os pais teñan que facer un curso para xogar cos fillos. -¿Cales son os principais obxectivos de Altega? -Queremos conseguir estabilidade nas actividades. Queremos que haxa un grupo de persoas que podan estar vivindo desto todo o ano. -¿Non se esgota a imaxinación á hora de deseñar programas de ocio para todo o ano? -O problema non son as ideas senón levalas a cabo. -Vivimos nunha sociedade que, por unha parte, está obsesionada co traballo e que, por outra, valora cada vez máis o tempo libre. E paga por el. ¿Como lles inflúe a vostedes esta aparente contradicción? -Suponse que dende hai quince anos se valora máis o tempo libre. Pero falta mentalidade nos adultos, que ven normal levar a seus fillos a estas actividades pero non se plantean participar nalgo similar. Costa desfrutar do tempo libre que se acaba orientando máis ao consumo, a gastar.