Bande despide ao seu alcalde

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Obituario | Amador de Celis Suárez

13 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Amador de Celis Suárez, alcalde de Bande, finou na madrugada de onte no Complexo Hospitalario Ourensán onde se recuperaba dunha operación cirúrxica praticada na cabeza a primeiros de outubro. Péchase así un ciclo político, o dun home de 71 anos que gobernou o Concello dende o PP durante 23. A nova causou sorpresa entre os veciños. Decretáronse tres días de luto oficial. A concelleira Ana Belén Vázquez, que foi moi crítica con Amador de Celis, non esperaba este desenlace: «Tivo a operación, estaba débil pero pensabamos que podía recuperarse. É a perda dun compañeiro e alcalde de Bande e espero que os veciños lle fagan a pequena homenaxe de ilo velar nestas horas». O presidente da Deputación tiña previsto achegarse onte ao velatorio. Acaba unha época na que houbo desavenencias no seo deste grupo de goberno nos últimos anos con dimisións e momentos delicados, como cando no 2004 coñeceuse que Amador creara unha empresa para facerse coa concesión das augas termais de O Baño. «Yo no he hecho nada y tengo el apoyo concreto de mis concejales, bueno, menos de uno», referíndose a Ana Belén. O propio PP lle pedira que deixara a alcaldía pero nunca deu o brazo a torcer. Era el quen gañaba nos comicios. O alcalde vivía só, foi xefe da Oficina de Extensión Agraria e tiña casa en Souto. O seu carácter castelán provocoulle algún que outro enemigo. El foi quen dixo que non cambiaba o nome da rúa General Franco porque nen se lle ocurría un mellor nen ninguén propoñía outro. De Celis vivía nos últimos tempos nun hostal no que se recluiu tras sair voluntariamente do hospital o pasado xaneiro. Non había quen lle fixera entender a gravidade do seu mal. Cando se dubidaba de quen era o verdadeiro rexidor insistía: «Soy el alcalde y lo seguiré siendo». Xenio e figura. O 3 de febreiro, nun pleno esperpéntico, Amador deu mostra de non estar ben. A expectación levantada fíxolle decir: «Ni la Sofía Loren, ¿eh?» En outubro quixo por fin ingresar ao ver que perdía vista. «Os médicos dicían que podía recuperarse e cando me chamaron ás tres e media da mañá quedei frío», sinalou José Mota, alcalde en funcións desde fai meses. En dez días hai que elexir novo alcalde. «Esto é unha perda grande porque este home traía moitos cartos para Bande e eso, amigo, séntese. El tanto quería ao amigo como ao enemigo», indicou Manuel Martínez, edil do PP. «Fíxolle Deus mil favores», escoitábaselle decir a un veciño. «Que descanse en paz e que non sufra na outra vida o que sufriu aquí», dixo o voceiro do PSOE, José Dorado. A misa de funeral será hoxe ao mediodía na vila. Os restos serán levados a Villaquilambre, en León.