O traxe do profesional

Camilo Franco OURENSE

OURENSE

En directo | Festival de cine

05 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Se hai que traxearse tanto para unha gala será porque a xente desconfía do espectáculo da pantalla. A gala de apertura do festival de Ourense case sempre está máis concorrida na entrada do auditorio municipal que no patio de butacas. É un curioso paradoxo que non consigue explicar nin a interpretación paródica de si mesmos de presentadores ao estilo Pemón Bouzas que, en vista de que non ía acudir Emilio Gutiérrez Caba decidiu pasarse á interpretación e facer varios exercicios ao mesmo tempo. Un reivindicativo sobre a súa profesión de presentador porque agora xa non o chaman, outro de normalizador lingüístico para agradecer de maneira case represiva á sobriña de Caba a súa decisión de despedirse en galego, e aínda unha vena oculta de Bouzas como analista de festivas ata situar a Ourense no olimpo dos festivais dun espazo xeográfico e político que sobarda ao termo nación. Mentres o histórico presentador de etapas anteriores da Televisión de Galicia se espallaba en xéneros novos da presentación de galas, a Banda de música de Ourense tentaba recompoñer o feeling cinematográfico a golpe de ventos e música con swing. Independentemente do que opine Pemón Bouzas do xénero, igual as galas están lixeiramente acabadas se enfrontan a ese ser ou non ser de ou están ben feitas, como un espectáculo por si propias, ou se lle notan demasiado as costuras e quedan como un exercicio para que os grupos políticos se exhiban, os conselleiros animen aos seus para facer o asalto á alcaldía e para que se exhiban as prendas quen o resto do ano non encontran circunstancias apropiadas. Para estas cousas eu prefería os bailes aqueles do Liceo de outrora aos que nunca me deixaron entrar por falta de pedigrí social. Pero esto é cine e nunha cousa ten razón Pemón Bouzas ao se queixar de intrusismo: as galas, como calquera outra cousa do espectáculo, tamén deben ser cousa de profesionais.