ANACOS | O |

18 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A actividade política é un mar cheo de persoas sen principios; caciques, hipócritas que lanzan mensaxes puritanos mentras poñen o cazo e constrúen casas con máis volume do permitido, lambecús, trepas que lle sacan rendimento ó traballo de outros para conseguir o chollo de turno -delegado, conselleiro, director xeral...calquera cousa con tal de vivir do erario público-, delincuentes con currículo de moitos estralos e moita máis raza autóctona. Mais no medio deste vertedoiro no que se ten convertido a actividade pública tamén hai espazo para a esperanza e xente que mantén unha coherencia e unha lealdade e fidelidade a uns principios e a un proxecto. Roberto Fernández Viñal foi unha desas rara avis. Tocoulle vivir tempos que non foron doados para o nacionalismo, e deixou a vida, a xuventude e o esforzo en concienciar, instruir, loitar, denunciar...traballar arreo por un proxecto de país e por un nacionalismo no que sempre acreditou. E iso pasoulle factura no persoal e no profesional nun espazo no que a discrepancia estaba condeada á marxinación e ó illamento. Iso si, tamén viviu tempos bos e recolleu o froito dun traballo comprometido, primeiro no Carballiño e agora, por extensión, en Galiza. Un podía estar de acordo ou non cos seus prantexamentos ou con decisións nas que participou. E podía crer que unhas ou outras eran erradas nalgúns casos, como as que tomamos cada un de nós tódolos días. O irrefutable é que foi unha persoa coherente e que loitou por un proxecto no que cría tendo como bandeira un país, Galiza, unha ideoloxía, o nacionalismo, e un espazo, O Carballiño. E moitos dos seus veciños, de hoxe e mañá, quizás nunca saberán que en moitas das pequenas e grandes conquistas que se deron nas últimas décadas el puxo o seu grao de area. Porque cría niso. En Longoseiros, coa bandeira galega coa estrela vermella, descansa xa Roberto Fernández Viñal.