DIARIO DE AURIA | O |

29 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CHÉGAME a mala nova a dous mil quilómetros da casa, da casa de Auria, que é a nosa. A casa que chaman a Atenas de Galicia: un nome, unha marca de identidade que non resulta funcional. Parece que Cultura e o delegado Sierra queren converternos en cidade literaria. Levo anos reclamando tal ventura. Espero, con ansia. E escribo esta columna escura que me ocupa. Medio vencido. Non son amigo de necrolóxicas pero quería dar un último bico na cara suave de Pura, a escritora. Marchou caladamente, como viviu. Dende esa patria que chaman humildade, ese cuarto de estar onde fiaba versos, e ilusión, e soños, soñándonos grandes e xenerosos. Era boa xente, creadora, limpa, culta, muller que militaba no partido da esperanza. Viviu malos tempos e viviunos con dignidade. Despois comezou a trenzar memorias. Mandábame todos os seus libros asinados, con agarimo, con estima certa. Á patria da memoria chamouna Matria dos soños. En Ourense ten rúa e deixa amigos. Os poetas de Ourense son batallón, unha compañía sen outra arma que non sexan os seus versos ocultos. Eu vin como os pasan furtivamente, como os len nas tertulias, como os disfrutan. Pura era unha deles. Aquí temos talento e sabémolo valorar tan pouco que un, a dous mil quilómetros da casa, grita que xa vai sendo hora de querérmonos. De abrazármonos máis. Vai sendo hora de situar o talento á altura da maior das nosas empresas. Recoñezo nesta columna a Pura Vázquez, colega, pero tamén a todos aqueles que van cumprindo anos con altura, con distancia do ruído mundano. Elas e eles son o noso espello, quen nos define, quen nos ten escrito nos renglóns sinuosos do destino. Brindo por eles mirando o mar, unha bandeira deserta, unha noite de estrelas na que contemplo os olliños pequenos de Pura. E hoxe, cos dedos sobre a area, escribo versos tristes. Para ti¿ compañera del alma, compañera.