DIARIO DE AURIA | O |

03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O MUNDO patas arriba. Menos en Ourense: aquí todo segue igual. Incluso máis igual que nunca. Sen moverse. Lembro aquel lema electoral do Pesoe: Movémonos. Nesta provincia sería preciso engadir: Movémonos (menos en Ourense). Parece que cambia Galicia enteira, consolidándose o declive de Cacharro Pardo e sen embargo, aquí, patria das Burgas, todos dan por sentado que sentado (no trono de Auria) segue o virrei Baltar. É unha certeza que circula: todas as Deputacións estarán en mans do Pesoe, co apoio do BNG, agás a divina Auria. Pregúntome por que tanta inquedanza en conquistar as deputacións se as deputacións, como din, non serven para nada ou serven unicamente para manter o control político provincial. Parecería máis fácil que non preocupasen tanto. Pero preocupan. Moito. Tanto que o debate actual está en saber en que porcentaxe electoral baixará o Partido Popular en Ourense. Seguirá Baltar por riba do cincuenta e tantos por cento? Arrebatará o Pesoe o cetro da capitalidade provincial ao BNG? Está tan perdida a capital provincial que nin no propio Partido Popular queda a máis mínima esperanza de repetir os éxitos, continuados, de Manuel Cabezas? Estas preguntas resultan simpáticas e atractivas e non hai mellor lugar para dirimilas que un mantel, unha boa mesa, un viño próspero e unha tertulia intelixente. Propoño que cambien as rodas de prensa por rodas de xantares benéficos (benéficos para analistas, comentaristas, periodistas e demais «istas» que nos movemos con pesadez neste rigor de xuño: calor a calor). O debate político municipal resulta estimulante, e grato. O que sucede é que entre tanto debate estamos esquecendo proxectos e proxeccións futuras para Ourense. Talvez no próximo xantar «benéfico» escoitemos realidades para o futuro. En tanto, mentres o mundo está patas arriba, un seguirá afirmando que aquí, en Auria... todo segue igual.