DIARIO DE AURIA | O |
15 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.DEBO dicir que é a lúa, corazón. Cando está chea, ou case, descolócanos. Un quere retomar o círculo do pasado, perderse nel. E no pasado está sempre a melancolía, ou así. Eu non quero escribir da melancolía porque de tanto repetirme, como unha espiral, vou acabar obtendo un máster en tal disciplina. Non quero. Prefiro o sorriso do amigo que se colocaba un gorro negro no inverno, e entraba no bar, ataviado con abrigo marrón claro e barba rala. Pide un tinto para quecer. Despois afirmaba que hai que colocarlle un escote á vida. Eu digo que nos falta un tango e un xardín, de flores, de flores lindas para alegrar este inverno do adentro, este igloo, este domingo de resurreción. Aí vivimos: resucitándonos a diario. A vida é escapar dos invernos: correr a algunha parte para comer o sol. Esta mañá de domingo, que é unha tarde e unha noite, rómpome a voz alzando a frase do amigo: hai que colocarlle un escote á vida. Quero abrazar a distancia o seu acento de licor. Dicirlle que vivimos malos tempos pero que estamos acostumados. Que o noso é un acto de fe na primavera. Chegará abril este abril, precisamente. Chegará a Auria como la hiedra, di o bolero. La hiedra: unha cuestión botánica, unha metáfora. Estudiaremos os métodos para ser felices e agarrarnos á vida. Ilusión, ese é o substantivo cálido. Ilusión é unha patria. A ela camiñamos. Soñando abrazos, bicos, unha caricia que se perde e non sabemos onde vai, un futuro que espera sen esperar, un non nos moverán, mil rosas, un xardín botánico (aquela canción de Radio Futura). Quero gritar unha vez máis a única certeza: son desa clase de tipos que sempre se deixou vencer pola esperanza. Nela habito. Sigo escribindo para non morrer (por dentro). Escribo nesta fin da coresma: de bicos, abrazos, ilusión. Para ti que sabes a canción: Ti, que como unha estatua, esperas no xardín. Botánico, corazón. Botánico.