BALCÓN DE MOREIRAS | O |
05 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.LOGO DE TOÉN teño para min outro concello moi querido. O de Paderne da Rabeda. E fai uns días que os Amigos da República rendíronlle unha homenaxe a un veciño de Paderne que loitou contra os nazis na veciña Francia e alí deixou a súa vida. Non teño dúbidas que xunto a Alfredo Gómez Ollero, que así se chamou o loitador polas liberdades, estaba o príncipe carlista Don Javier de Borbón-Parma, que foi detido e levado ao campo de concentración de Danchau. De Paderne houbo outro -habería cecais máis, eu non teño noticias- que se chamaba José Romero Carreira, natural de Solveira e co que fixen unha amizade moi fonda. Romero Carreira, comunista no 36, loitou no V Regimiento e cando finou a nosa fogueira, marchou para a URSS onde se fixo piloto de aviación do exército roxo e combatiu contra os alemáns na II Guerra Mundial. Mais finalizada a mesma, Romero Carreira quixo achegarse ata Solveira para darlle un bico a súa nai e os esbirros de Stalin metérono nun campo de concentración con alemáns, polacos, españois da División Azul. Alí estivo unha chea de anos ata que morreu o maior asasino e tirano de tódalas Rusias. Chegou a Barcelona no Semiramis cos españois da División Azul e tiven a sorte de velo baixar do tren na Estación Empalme de Ourense. Fomos íntimos amigos e botamos horas e máis horas contándome el a súa experiencia no campo de concentración e o seu desengano sobor do socialismo real. Alégrome que homenaxeen a Gómez Ollero. De Romero Carreira xa escribín un artigo no xornal de Madrid, relatando a súa vida; únome ao recordo destes dous paisanos, un deles amigo, que loitaron polo que creían de xustiza. Ollero pagouno coa súa vida e Romero penou moitos anos naquel paraíso que non foi.