ANACOS | O |

17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

BAIXAN as augas revoltas pola política e o movimento social ourensán. Na cidade os nacionalistas veñen de gañarlle a posición ós seus socios de goberno anunciando a decisión de facer de As Burgas un Ben de Interese Cultural. Quintana pasa sete pasos por diante do farol dos socialistas de expropiar os terreos de Xardín das Burgas e acuña a marca de facer de Ourense «a Cidade das Augas». A manobra do vicepresidente só errou nun aspecto: apuntarse o tanto con nocturnidade e alevosía nun acto do seu partido e anunciando a comparecencia da conselleira de Cultura para dar máis datos do decidido. Por unhas horas ben podía ter artellado unha comparecencia con Ánxela Bugallo e o seu delegado para dar conta do acordado. Xa decididos a apostar polo termalismo en Ourense a Quintana só lle resta mandar a unhas clases particulares ó seu virrei na cidade, xa que ter como o sumun do termalismo o modelo de Chaves -con tódolos respectos para o grande e exemplar traballo do doctor Carneiro- amosa un moito de falta de coñecemento e de pouco senso da actualidade. Na mesma xornada acudía con Quintana a Ourense a conselleira de Vivenda e Solo. Teresa Táboas amosou unha vez máis a súa capacidade de encaixe e de diálogo ó verse emplazada polos propietarios das vivendas autonómicas do Pereiro a zanxar este asunto canto antes. A conselleira e o seu delegado suxeriron a posibilidade de denunciar ó alcalde de Pereiro por non asumir as obras que lle correspondían nesta urbanización. Teresa Táboas ten unha oportunidade única para facer xustiza -¿por que o resto dos ourensáns teñen que pagar a cacicada do alcalde do Pereiro?- e de paso aclarar como se concederon as vivendas, con que baremos e donde vivían antes moitos dos que apareceron empadroados no Pereiro. Por hixiene, dignidade e xustiza.