DIARIO DE AURIA | O |

11 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

XA están as mimosas tintando de amarelo, como xílgaros, os montes desta Auria linda. E está de volta o alcalde de Melón, okupa do Ministerio de Vivenda. É un alcalde paradigmático, ou sexa, un alcalde que dá exemplo e marca tendencias. Se aquí nos quedase un pouco de valor, que non nos queda, sairían todos os alcaldes á rúa con pancartas e platillos. Porque sí. Ou porque o AVE pasará de nós. Seremos a única comunidade con vía única: a los gallegos, que somos poca cosa, bien que nos llega. Eu pregaríalle ao alcalde de Melón que encabece unha manifestación de alcaldes no foro, ou sexa en Madrid. Que vaian todos a amosar a súa verdadeira cara: reivindicativa, rebelde, insubmisa e apartidaria. Sen partido, quero dicir. Porque cando mandan os nosos aquí non se move ninguén. Nin o alcalde de Melón cando o Pepé gobernaba. A política sempre resulta insuficiente e falaz. A política abruma e complica, en vez de facilitar. Se non cren o meu veredicto miren a Ánxeles Cuña. Cando foi designada directora do CDG fun dos primeiros en felicitarse e cantar as virtudes de Cuña. Agora quero ser tamén un dos primeiros en lamentarse. Resulta incomprensible que por «problemas administrativos» non poida Ánxeles dirixir o CDG. Dixen que mellor que ela imposible. Digo o mesmo. E se o goberno se encargase de que nos administrasen os mellores e non de chorradas administrativas, afirmo, este país sería distinto. Pero con la iglesia hemos topado, que dicía Cervantes. Dura lex, sed lex. Hai tempo que non presencio un espectáculo tan patético na cultura patria. Patético e, de paso, ridículo. A administración que nos administra non pode resolver un problema administrativo: Kafka non podería resumir mellor o que sucede en esta Galicia mía esta Galicia nuestra. Prometo que na próxima excursión do alcalde de Melón, marcho. De okupa. Porque non comprendo o mundo, corazón.