ANACOS | O |
03 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NAS últimas datas non damos saido dese pequeno grande horror que pasa polas novas que dan conta de sucesos tráxicos, non tan tráxicos e, por veces, arrepiantes. Como se as cousas decidisen precipitarse nos últimos días van saindo á superficie, á tona da vida, os segredos que estaban agochados na zona máis escura da realidade. E resulta que les o xornal e decátaste que algún día fuches a un ciber por ver se tiñas un correo, ou mandar un archivo ó chollo, ou simplemente a navegar e xogar un chisco e que o paisano que te atendeu é un deses fillos de pai descoñecido que trafica co abuso e a dignidade de inocentes que non poden defenderse. E vai e abres o xornal mentras almorzas no bar e sabes que a persoa que facía iso que lle chaman «vida normal» é un asasino que garda no armario moitos anos de cadea, a traxedia metida no peto, e que segou a vida dunha pobre muller nunha noite fría alá por Listanco, donde a noite é moito máis fría e a xiada e a lúa xogan a reventar a carne e as colleitas en escuridades interminables xunto ó Barbantiño. E hai nada, tal que só uns días, e vai e resulta que o entroido sobe por riba da cidade, da catedral, dos viños, das rúas e dos locais. E, o que son as cousas, os disfraces de polis e cacos, de mafiosos e mexicanos, de lurpias e superheroes decoran un escearios onde non hai tanto o sangue esbaraba polas lousas de pedra camiño dun Miño loxano polo burato dun sumideiro próximo. E a cidade vaise convertindo nun trasunto de páxinas escritas no seu día por alguien que descansa, e grazas, no cemiterio de San Francisco e por entre as rúas, os paseos, as fontes e os recunchos vai entrando a realidade dun horror que está aí, cabo de nós, á beira do día a día e que sempre cavilamos que nunca nos ía facer sentir o seu alento de preto. Mais a realidade é sempre un suceso nunha conversa entre amigos.