DIARIO DE AURIA | O |
25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ENTROIDO en domingo: como un bolero. Domingo grande. A androlla en Viana, cabrito en Vilariño de Conso, cachucha no Carballiño. E mesas plenas de viandas alegres nos tres entroidos grandes da provincia: Xinzo, Laza, Verín. É un día de luz. Todos os días do carnaval son días luminosos. Digo que te levantas cantando por Serrat, hoy puede ser un gran día, e rematas no mencer cantando en versión pop o beber beber es un gran placer. Eu teño cocido cos camaradas. Somos uns nostálxicos que miramos sempre o pasado como unha caricia e o futuro, habitualmente, como unha reunión onde comemos e bebemos e miramos, outra vez con nostalxia, o pasado: como unha caricia, repito. Paco ás veces ponse melancólico e canta a Triana: abre la puerta niña que el día va a comenzar. Un domingo calquera levantámonos na cápsula da resaca. Hoxe, domingo de entroido, a resaca non importa. As mesas de androllas, cabrito, cachuchas e cocidos alimentan a alma e arrancan o sono, a metrallazos de café con licor e güisqui con xelo. Non hai provincia como esta. Aquí a amizade é un credo. Crerás no teu amigo/amiga sobre todas as cousas. Estamos nunha fase superior á metrosexualidade de Beckham e compañía. As colonias son de Varón dandy, ou Verino/Domínguez, e preferimos rasurar a tristeza a afeitar o sobaco. Un domingo de entroido disputamos co frío a batalla da vida. Sempre ganamos. En Viana, Vilariño e O Carballiño exaltando a gastronomía como unha institución que nos revive. No triángulo máxico exaltando tamén a gastronomía da alma: coméndonos a vida a carpetazos de gozo. É un día luminoso, reitero. Cambiaríamos todo por poder eternizarnos nun abrazo carnaval. Este carnaval que camiña rápido como un tren Talgo. Se non estás no vagón, de pé ou sentado, debes coller billete en calquera estación. Hoxe. Ti, que les esta columna pintado de entroido 2006: inolvidable. Como un bolero.