ANACOS | O |

24 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NO pleno que onte celebrou a Deputación de Ourense voltaba á actualidade unha triste e irrefutable realidade: que os verdadeiros heroes desta provincia están no medio rural e que a máis grande e arriscada das aventuras é sobrevivir. Así, sen máis e sen nada menos que iso, vivir é sair adiante é o arriscado proxecto do día a día nesta provincia. Medio cento de concellos ourensáns non chegan a xuntar dous mil veciños. Moitos menos dos que van ó fútbol un domingo ó Couto. Ou para que nos fagamos unha idea: hai municipios nesta provincia, e non son poucos, que non conseguirían encher o auditorio de Ourense e, nalgúns casos, poucos veciños quedarían fóra nunha das salas dos cines da Ponte Vella. Esa realidade máncalle ós políticos. Ninguén se atreve a decirlle os ourensáns que este castelo de administracións de fume non vai a ningures, que o futuro pasa por xuntarse e conseguir un volume importante de veciños para contar con servizos e prestacións que nunca se van a conseguir co sistema actual, un sistema que equipara melloras a cacicadas e dereitos a favores. Os que en tempos pedían a posta en marcha de plans de futuro para coaligar concellos e servizos hoxe están en paradeiro descoñecido. E os que antes o rexeitaban agora queren poñer a proposta enriba da mesa. A realidade é teimuda e non ten volta atrás. E onte volveu ter os seus minutos de protagonismo no pleno da Deputación de Ourense: o medio rural perde cada vez máis poboación e os núcleos habitados contan cada vez con xente de maior idade. Podemos seguir artellando medidas de protección ou agardar a que a anunciada aposta polo medio rural da Xunta comece a dar os seus resultados. Mais, con todo, seguirán sobrando concellos e haberá que afrontar esa situación no futuro.