ANACOS | O |
17 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.AS eleccións municipais están chamando á porta. E os políticos non se están quedando atrás nesa arte tan practicada de ir petando nas conciencias da xente para reactivalas de cara á cita coa papeleta, ou o que é o mesmo, coa garantía de catro anos de soldo a costa das arcas públicas. E como cada un está donde está, e conta co que conta, pois tenta vender o que pode. A Deputación de Ourense descubriu hai algún tempo o camiño de Europa. Cando os máis espabilados levaban tempo recibindo aportacións económicas dos fondos europeos nós seguíamos a velas vir. E agora que as temos hai que saber rentabilizalas. Desde a entidade provincial dábase a coñecer onte un Plan de Emprego Feminino que se porá en marcha grazas ós fondos da UE. Trescentas mulleres da zona rural se verán beneficiadas destes programas de formación nunha iniciativa pioneira que se desenvolve «na periferia da periferia», como apuntou o presidente da Deputación. Agora que os responsables da entidade provincial non contan con apoios en Madrid e Compostela o camiño pasa por Estrasburgo. E os socialistas, que agora si que gobernan en Compostela e en Madrid, sacan de xira ós seus pesos pesados e ós cargos intermedios para vender xestión e anunciar futuro. Matilde Valentín pasaba esta semana por Ourense para loubar a futura lei de dependencia e as ventaxas que terá para unha provincia como a nosa. E onte mesmo era unha ministra, a ourensana Elena Espinosa, quen se facía cargo de promocionar as actuacións do Goberno Zapatero e do seu propio departamento a prol do medio rural español. En fin, que non hai como que chegue o arrecendo das eleccións para sentirse un importante e estimado poseedor dun voto que todos os aspirantes a formar gobernos queren conseguir. Unha groria.