ANACOS | O |
03 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NUNCA a percepción da realidade fai coincidir ós interlocutores que participan dun mesmo acontecemento. E por veces semella que están a falar de cousas totalmente distintas. Os responsables do Goberno autonómico pasaron esta semana por Ourense, como tamén o fixo o portavoz do único grupo da oposición. As mensaxes, no cerne, son as mesmas -Ourense necesita que lle chuten osixeno porque senón isto vaise- pero a interpretación é radicalmente distinta. Anxo Quintana, que aproveita a orixe para facerse máis presente que nunca en Ourense e adiantar os proxectos da Xunta para esta terra, anunciou un paquete de medidas para a provincia. En menos de vintecatro horas deixouse ver o primeiro espada da Xunta, o presidente Emilio Pérez Touriño. O socialista anovou as mensaxes dos últimos meses e recurriu a autopista interior, a plataforma loxística e a implicación co rural, entre outros asuntos, para gañarse ó auditorio. E para retrucar apareceu Alberto Núñez a lembrarnos que os socialistas son os verdadeiros culpables da parálise dos proxectos estratéxicos para a provincia de Ourense e que Quintana e Touriño non intercambian información. E mentras tanto por aí andan algúns, como Alfredo Suárez Canal e Carballido Presas, facendo cadrar as contas para que tódolos concellos de Galicia teñan obras de Medio Rural e recibindo a todo canto alcalde se pon á cola para lembrarlle como tiñan sido as cousas ata o de agora e como lle corresponden os investimentos a partir de agora. E van e xúntanse co presidente da Fegamp para poñerlle un plan de investimentos, por valor de 80 millóns de euros, para os concellos galegos. E os da Fegamp apoian a iniciativa, aínda que o digan pola boca pequena para que non os chamen a capítulo. Máis iso non interesa divulgalo.