ANACOS | O |
30 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Asociación de Amigos dos cemiterios de San Francisco e As Caldas non se deixan asoballar. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volveu fallar contra as demandas dos propietarios con sepulturas e panteóns neste recinto que hai tempo que Cultura declarou como Ben de Interese Cultural para protexer o que para algúns pasa por ser un verdadeiro panteón de galegos ilustres, por dereito propio e non por decreto institucional. Nun país no que os mortos son un patrimonio universal e intocable que cada quen leva consigo coa mellor das intencións esgrimir argumentos como os do TSXG renova unha vez máis aquel vello dito de Pedro Pacheco de que a xustiza é un cachondeo: o Concello non quere ir contra os propietarios -porque entre outras cousas moitos concelleiros son propietarios de «moradas con vistas» no cemiterio-, os afectados lembran que non mercaron concesións, senón terreos, e logo construiron e o TSXG pónlles data de caducidade. Ó mellor habería que pararse un chisco a cavilar a sorte que ten a cidade de Ourense por contar cun cemiterio como o de San Francisco xa integrado no entramado urbán e que este recinto sexa un conxunto monumental en si mesmo. Un espazo como o que da terra a Blanco Amor, Otero Pedrayo, Tovar, a pobre Asunción, Cuevillas e tantos outros e un complemento ideal para o auditorio, o futuro complexo de biblioteca e archivo e o albergue para os que percorren o camiño hacia Compostela. O potenciar este recinto e apoiar iniciativas como as que no seu día fixeron as grandes cidades europeas que albiscaron a riqueza que supón o compromiso co seu pasado -como París, como Viena, como Praga e tantas outras que toman como exemplo os da asociación- non ten que ser unha idea que remate, como tantas outras nesta cidade, que se convirta nunha oportunidade perdida para engrosar as hemerotecas.