DIARIO DE AURIA | O |

22 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SOMOS unha gran cidade. Iso di o informe de Caixanova: que temos máis coches, teléfonos, renda. Temos de todo. Pero cada vez temos menos xente nova. Aquí todo nos sobra: incluso a xente nova, por iso emigra. Vivimos no mellor dos mundos posibles. Como aseveraba Pangloss, o celebrado personaxe do «Cándido» de Voltaire. Por ter ata temos un festival de cine que nin se sabe ónde vai, nin cómo, nin por qué. Este ano con estrela invitada, como sempre, e co seu provincianismo endémico. Imanol Arias visitará a cidade máis rica de Galicia. Porémoslle alfombra vermella e soldaditos romanos con antorcha ao seu carón. Permítanme, como cada ano, reiterar o que creo: ou facemos un festival grande e ao grande, ou facemos un festival que sirva para promocionar o cine de aquí. As medias tintas son malas. O festival non centra o corazón cultural da cidade: que é unha cidade de Letras, digo. Debe acompañarse dun corpus conferencial, de espectáculos, actividades paralelas o suficientemente atractivo. E non así. El rollito repetido de cada año. A Cultura oficial debe reforzar a idea do Ourense literario e non apostar por unha liturxia que ano tras ano arrasa o presuposto municipal. E xa van dez anos. E nada cambia. Imaxino que o próximo novembro volverei escribir o mesmo artigo sobre o mesmo festival. Quédame a ilusión de que a cidade é a de maior renda. Claro que non sei se no estudio hai referencias ao crecemento vexetativo de Ourense. Porque ese, e non outro, é o problema real desta provincia. Se somos menos tocamos a máis para repartir pero corremos un grave risco: o descenso productivo e industrial, que é o único camiño para afrontar con garantías o futuro económico. Pero bueno, só me faltaba ir de economista, eu, que son só o columnista que cada ano escribe pestes de la cosa del festival. Como o doutor Pangloss. Créanme, vivimos na mellor cidade do mundo.