CALPURNIA LUÍS MARTÍNEZ-RISCO DAVIÑA | O |
30 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ESTABA tan preocupado polos contidos do discurso da toma de posesión do delegado de Cultura, que nin reparei na ausencia da bandeira roxa e gualda. E se son sinceiro, nin me fixei que estaba a branca e azul. Mal nacionalista debo ser por non ter reparado en tan histórico acontecemento. Non me sinto nin máis nin menos galego. Tampouco nin máis nin menos español. Continúo a sentir que Galiza é a miña nación, goste a quen lle goste. E, diariamente, cumpro de forma exemplar co Estado español. Coma calquera outro cidadán pago puntualmente os meus impostos. Non me queixo por facelo, é o que me dá dereito a esixir. Por exemplo, que se reforme a Constitución e que o Estado sexa confederal. E por iso ninguén ten dereito a pensar que é máis español ca min. Dos que pensamos que España non é unha e que será moito máis rica cando se acepte abertamente e sen complexos a realidade da nosa pluralidade. Por certo, a fe de intencións que a conselleira e o delegado fixeron públicas o luns, fainos albiscar un futuro prometedor para a cultura en Galiza.