DIARIO DE AURIA | O |
10 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Mañá, no Curros Enríquez, inauguramos tempada. Mañá conxugamos o verbo soñar. Non se trata de fútbol. Xa presenciamos outro partido patético da furia española (a selección de Aragonés, que é a de Camacho, de Clemente, de Luís Suárez e Kubala: un desastre). Inauguramos tempada escolar. Na casa non hai cousa no seu sitio. Nervios, os «deberes» de última hora, as preguntas obrigadas (¿quen vai ser o meu profe?) e a cara máis linda do mundo observando o meu rostro. Nin os Simpson parecen os mesmos. Todo está centrado no día despois, ou sexa, en mañá.Boto de menos a infancia. Boto de menos o meu colexio e a biblioteca onde aprendín a ler: eu non lía Harry Potter. Boto de menos a cancha de baloncesto e aquel recendo que nunca máis volvín sentir: o aroma da mañá encoloniada, dende o Couto ata Salesianos, cruzándome ás muchachas do Santo Ángel, tan lindas, tan azuis, tan de Alicia no país das marabillas. O que eu daría por volverme cruzar con elas. Chegar a clase e perderme nas nubes, e voar, e escribir malísimos poemas que non eran de amor. Mañá empezamos tempada. Tiña razón o vello Rilke: só hai un paraíso. Un paraíso perdido. A infancia. Cando a conxugacion do verbo soñar, corazón, era posible.