DIARIO DE AURIA | O |

03 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A COVARDÍA ten un prezo e, ás veces, o prezo é a vida. Esta é unha frase que me dictan entre risas de ron. Son as voces dos meus camaradas. Ás veces tronzamos a nostalxia falando do pasado: foron demasiados os que quedaron atrás. Penso isto con Manolo, que perdeu a vista hai vinte anos: cego, como Borges. Agora mira só co corazón. Acabamos as copas do bar Revólver, con luces de Janis Joplin e Credence Clearwater Revival. Acompañámonos de palabras, mudas, como bicos. Miramos, cos ollos cegos de Manolo, a clave da felicidade: consiste en non pensar demasiado, nada máis. Escriben esta sentencia, a diario, os que gobernan: no pienses, ciudadano, o estás condenado al fracaso. Pensar é unha odisea sen Homero, unha tortura. Repito: no pienses, ciudadano. Hoxe, mentres escribo esta columna, estou cos colegas. Din que a vida é un cinseiro sen fondo, plena de colillas. Certo. Só nos falta unha lúa que ilumine de noite, entre farolas, gato a gato rabuñándonos papel. Como un cinseiro, corazón. Pleno de restos. Pleno de cinsa. Gris. Como a vida. (Non é tristeza. Es simplemente tristeza, maneras de vivir, que cantaba Rosendo cando os Leño enchían de luz cada mencer. Aquí, en Estación Futuro).