DIARIO DE AURIA | O |
27 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O presidente Touriño visitou Verín e este que escribe toma unha madalena, como a de Proust, mentres contempla o castelo e unha taza azul cafeconleite. En Xinzo hai folga na recollida do lixo (¿por quince euros, alcaldes, tedes a Limia pestilente?) O Ribeiro viviu a Istoria e no Barco de Valdeorras agardan as festas, que é unha rutina provincial. Ourense terá estación de AVE urbana e Cabezas moléstase por non ser consultado mentres Baltar, menos virrei e máis caricatura, reparte canapés. Velaquí, resumida en poucas liñas, a actualidade desta provincia recoveco dos valores de antano: el Pepé, la familia, los prominentes y Amparito, la número uno, que se quedó en la número dos. Esta provincia despide agosto como se merece: con fanfarria e novos cargos políticos. Con novo goberno que porá en práctica o precepto de Lampedusa e o seu decadentismo cultureta: é preciso que algo cambie para que todo siga igual. Eu, que son un esperanzado crónico, espero que cambien moitas cousas: que Touriño non me visite para despedir incendios e que por 15 euros a Limia resucite (e respire). Espero que unha nube de licor deposite abrazos no colector da miña alma. Espero abril. Son hábitos. Son lo que hay, colega. Rutinas, nada más. Y nada menos, colega.