DIARIO DE AURIA | O |
15 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HAI meses, cando me contaron da festa que hoxe se celebra en Verín, pedín por favor que non lle chamasen carnaval. Carnaval hai un, e resulta ser un símbolo para toda a comarca. Optaron os organizadores por chamarlle batucada. Iso é o de menos. O importante é que en Verín hai troula, esmorga, disfraz, movida grande. Nesta provincia non se precisa demasiado estímulo para saír á rúa, e en Verín menos. No val de Monterrei calquera escusa é óptima para montar jolgorrio. Non coñezo un lugar con tantas festas por metro cadrado, por habitante, por ano. En xaneiro san Antón, despois o entroido, o Lázaro, os maios, o san Xoán, as festas locais¿ e agora a batucada de verán. A vivir, que son dous días. Ningún lugar como Auria para divertirse. As terras do Arnoia, de Valdeorras, o Carballiño e Ribadavia, a Limia, a capital¿ presumen estes días de risa, bo xantar, noite fresca. Pero non é carnaval. O carnaval de Verín e o carnaval desta provincia celébrase unha vez ao ano. É unha cuestión espiritual, máis que unha data cronolóxica. O carnaval non se pode inventar porque tampouco se inventa o corazón dos seres humanos, o amor, a liberdade, as caricias, os abrazos que permanecen. ¿Carnaval en xullo? Non. É diversión, simplemente.