Quin de Allariz

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OS SEUS ollos negros, como na canción, son firmes. Naceu aquí, na patria do Arnoia. Ou sexa, que é o noso veciño. Unha vez enfundouse o traxe deste país, Galiza, e nunca máis volveu quitalo. Ten principios, dou fe. E vocación política. Ademais é a primeira vez que un candidato ourensán pode ser presidente do goberno galego (Quiroga foino na preautonomía). Pero se iso non é suficiente, Anxo Quintana posúe outras dotes que enumero: é amigo dos amigos, nunca se derrota, sabe que ser honrado é un patrimonio, sabe escoitar e, sobre todo, é un tipo de palabra. O Quin de Allariz colleu o BNG no peor do momentos. Ninguén daba un peso por el. Todos pensaban, e moitos aínda o pensan, que a debacle electoral sería achacable ao seu liderato. Equivócanse. Nin o BNG caerá en picado, nin Quintana será responsable de algo que non sexan éxitos nacionalistas: ese país novo que anuncia. Quintana naceu para a política igual que Rosalía naceu para a literatura. Esta escribiu: «Esta terra, n'hai duda¿, Dios a fixo/ para ser amada e amar». O Quin de Allariz escribe, dende que eu o coñezo, os mesmos versos que Rosalía. Palabra a palabra. Porque os seus ollos son firmes, como na canción. E miran o futuro. O futuro, corazón. O futuro.