DIRIO DE AURIA | O |

13 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

¿ACASO vostede pensa que a educación en Auria non é exemplar? Se cre iso está moi equivocado. Ourense é pioneiro, por exemplo, nas convivencias de educación infantil. Ourense (uns mestres e mestras de Ourense) son os inventores de Cholo e Nela, dous personaxes que engaiolan aos nenos, que os fan saltar, rir, abrazar a vida con ganas, con soños, con ilusión. Un non ten palabras para expresar a grandeza destes anónimos que non saen no xornal, que non son obxecto preferente dos plans de estudio, das reformas, dos presupostos. Un, que coñece todos os niveis de ensino (dende infantil ata a universidade) sabe que os verdadeiros profesionais da educación son os mestres de cativos. E se ademais de ser mestres de cativos son capaces de organizar asuntos como Cholo e Nela, eses profesionais son uns auténticos heroes que merecen ser aplaudidos pola cidadanía e pola Administración. Cholo e Nela son aventuras, contos, unidades didácticas, unha páxina web... pero son, sobre todo, a ilusión de centos de pequenechos desta provincia. Se eu fose o Conselleiro de Educación exportaría Cholo e Nela a todo o país e presumiría de sistema educativo. Cousas como esta son as que fan grande a educación. Podemos presumir de provincia.