DIARIO DE AURIA | O |

16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Eu tiña que estar, á hora do almorzo, recitándolle poemas á República. Pero non podo. Sen embargo, na distancia, convén levantar a voz barítona e dicirlle que a quero. E quero tamén aos non están, pero están con ela: eses mortos que cantan boleros, e tangos, e cancións de amor no camposanto. E quero aos ilusos (rebeldes) supervivintes da idiotez e das súas sombras. Aos que resiten no fío da navalla da vida, gritando utopías. Eu tiña que estar recitándolle poemas á República. Abrazar os seus abrazos. Querela como ela me quere: porque é pública, e amorosa, e tenra como as madalenas de tía Léonie, aquela da que nos falaba Proust. Velaquí o problema. Que por culpa de Franco, aquel criminal, quedámonos sen Proust. Ou sen cultura. Nunca coñeceu España unha época máis fértil que a republicana: existían os intelectuais (rebeldes). Iso é o que botamos de menos: a intelixencia (rebelde) borrouse, tantos anos, que aínda perdura. Instalámonos na cultura light, e dela aínda vivimos e bebemos. Por iso Zapatero afirma que o rei é republicano. Porque a cultura light é a que domina. Acabaremos santificando (en vez de Xoan Paulo) a Ana Belén, a Polanco, a Caiga quien Caiga. E o mércores, cando veña Caldera, pensaremos que é Azaña.