DIARIO DE AURIA | O |
02 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Digo a miúdo que son os amos do mundo. Eu penetro nas librerías e sei que eles, como piratas, van secuestrarme sen necesidade de mover un dedo. Alí me quedaba, de neno. Buscando títulos, versos, amantes. Tocaba os libros como se fosen elixires. Eles, libreiros, subían as escadas de madeira, corrían, levaban un dedo á cara, dubidaban, sorrían, e poñían na man o bebedizo: unha novela, un poemario, ensaios, contos. Pasou o tempo. Vivo lonxe da cidade e lonxe, seguramente, do ruido. Agora tardo semanas en perderme nas librerías. Incluso vou ás presas, mal, sen tempo. Mamá xa non pregunta para qué quero tantos libros e as miñas nenas, que tamén os coleccionan, non se preguntan por qué os necesitan. Vivo feliz nesta desidia de fracasado, certamente. Pero bótote de menos, a ti, que poñías na miña man o bebedizo (novelas, poemas...) Ti que recomendas, ti que amas os libros. Ninguén che fai panexíricos, nin apoloxía, nin te subvenciona. Pero eu sigo queréndote, como antes. Queréndote. Hoxe máis que nunca. Porque no Auriense os libreiros entregaron os premios da Irmandade do Libro. O premio grande foi para Fernán Vello: poeta, editor imprescindible, compañeiro que nunca se derrota. Auria foi, por fin, ela mesma.