Entrevista | Adolfo González PRESIDENTE DE LA ASOCIACIÓN EMPRESARIAL DE TURISMO RURAL DA RIBEIRA SACRA
31 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.En decembro do 2004 eran entregados na Xunta os estatutos dunha nova asociación da Ribeira Sacra, a dedicada a fomentar o turismo rural. O seu presidente é Adolfo González, responsable xunto coa súa dona da Casa da Eira, en Alberguería, Nogueira de Ramuín. -¿Que lles moveu a constituir este colectivo? -Pois que viamos que estabamos solos, e que xuntándonos era a forma de conquerir máis obxectivos. Facía falta unirnos para loitar polos nosos intereses e ver que esta comarca a pesares de que todo o mundo a coñece segue a ser unha descoñecida. -¿Cantos socios son agora na agrupación? -A día de hoxe somos dez. -¿E todas ó frente de casas de turismo rural? -Hai tamén hoteis con encanto e casas vacacionais. Estamos abertos tamén a outro tipo de establecementos como camping, empresas de ocio e de aventura pero ese será un paso a dar co tempo. -¿Que obxectivos iniciais teñen no colectivo? -En primeiro lugar promover e desenvolver o turismo rural dun xeito máis global e definir e coordinar estratexias e accións de dinamización da zona. Agora hai un plan dinamizador da Ribeira Sacra e nós temos algo que dicir nesta faceta. Pretendemos tamén dar un servizo de calidade. -¿Como lles vai nesta Casa da Eira? -Levamos catro anos con ela e traballamos ben o verán, os fines de semana e as pontes. Queremos que a xente non estea tan centrada en vir neses meses gordos de vacacións e que o faga noutras épocas. -¿Que servizos ofrecen ademáis do dormitorio? -En principio ofertamos comodidade na Ribeira Sacra e despois a beleza do entorno. O que pretendemos é que non só haxa habitacións. -Serán socios tanto de Lugo como de Ourense. -Polo de agora somos de Ourense. Co tempo pretendemos englobar toda a comarca sen distinguir provincias.