DIARIO DE AURIA XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
17 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.COMO non teño a man unha tarxeta de Unicef, corazón, utilizo a columna para felicitar a aqueles que decoran con inusitada ventura a faz mandarina desta provincia, Auria bonita. Que Papá Noel non conquiste o territorio auriense e os reis magos, guapetóns, continúen cabalgando no gintonic da nosa ilusión. Que o virrei celebre con algarabía, a trombonazos, o triunfo sonoro do congreso provincial popular. Que o alcalde Cabezas encontre a pedra filosofal para converter Ourense en Auria (que no es lo mismo, no). Que o Bloque respire tranquilo e emocionado. Que o Pesoe, pachivazqueando, presuma de ser socialista e ourensán. Que a universidade se autonomice, máis, Andrés. Que os meus colegas non me abandonen a horas intempestivas en medio dunha farola sen luz, sen destino, sen un sol que me acaricie. Que Jorgito e Alfonso me recollan cando todos se retiren. Que non pechen os bares nin as oficinas de melancolía. Que non venza a malaleche. Que Juan Ramón no me toque la mano. Que las muchachas no quieran ser princesas. Que los muchachos no quieran ser Raúl. Que os pintores sigan pintando. E, sobre todas as cousas, que a risa declare a guerra á tristeza. Así será.