DIARIO DE AURIA | O |

11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCRIBO este domingo como se escribise unha carta de amor desesperado. Unha carta en contra da depresión e da tristeza, da altatensión, da impotencia que nos mira e miramos con desidia, da melancolía que dá patadas no fondo do ventre (no fondo da alma). Escribo este domingo para que levantes o ánimo, e a voz, e grites que el Almendro vuelve a casa por navidad, e que paga a pena contemplar as luces de cores colgadas nas rúas da cidade, das vilas, dos pobos pequenechos que saben a licorcafé, a augardente de herbas, a fume de matanza. Escribo este domingo para aplaudir o plan de urxencia que acometerán os directivos do noso hospital, para compadecerme da imaxe de Jesús Silva sentado nun banquillo, para saber que a vida dá voltas e voltas como unha noria encrespada. Hai domingos que anuncian soños. E soños que son caramelo de domingo. Perdidos en santa Eufemia, comendo unha garrapiñada doce como unha noiteboa. Escribo botando de menos o que nunca tiven. Exaltándome a favor dos pequenos, dos débiles. Coma ti, campeón: paladín de todas as causas perdidas. Sempre a favor dos ananos. A min só me len individuos ilusos, utópicos e periféricos. Para eles (deprimidos e tristes ocasionalmente) esta carta de amor. Desesperado.