ARREDOR DE SI | O |
19 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O día a día dos traballadores da pizarra amosa máis unha tendencia cara ó traballo deprimente e mal pagado, que cara ós Mundos de Yuppie. Non vexo mala fe no que di a Asociación Galega de Pizarristas. É posíbel que nas paparotas que soen facer nos seus chalets do Serro non se acorden da xente que agarda, bocata en man, polos Land Rover «último modelo» que os levarán ás naves de Trevinca ou Quiroga. Di o seu presidente que, se o problema é a falta de aire acondicionado, pouca cousa é. Non lle falta razón, pero escápaselle o detalle de que moitos barquenses sofren graves feridas cada día nesas serras anos 50 coas que teñen que traballar. Pecata minuta tamén será o polvo que se incrusta nos seus pulmóns por non ter máscaras de protección. ¿E que é iso de traballar oito horas? Un dos grandes inventos que esta xente lle ofrece ó mundo civilizado é a tarea. Este chiste ós dereitos do traballador consiste en ver canto é capaz un de producir nas horas que aguante. É dicir, unha forma máis de que o corpo dos currantes axude na ampliación da piscina. Da particular, claro.