Viana do Bolo

ADRIÁN ALONSO

OURENSE

ARREDOR DE SI | O |

12 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AGOSTO e as festas van da man. Entre elas está o san Roque que se celebra, por exemplo, en Viana do Bolo. Para Curros, Viana era a Suiza galega quizais polo seu ensoñador entorno natural, pero quizais tamén polo illamento dun lugar entre montañas que case sona a chino a moitos dos capitalinos. Pese a isto, boa parte dos emigrados desta zona, que dende hai décadas buscan o pan lonxe da terriña, voltan nestas datas só por volver a respirar o aire do seu berce. Todos saben que aquí só lles agardaba a fame, pero voltan porque todo canto chegaron a ser ten os seus alicerces nestes soutos que seus pais tanto traballaron. Pode que sexa de loucos atravesa-lo país só por tres días, pero todo lles compensa por xogar a partida cos amigos da infancia mesturando nas conversas o seu galego natal co catelán do non hai máis remedio. Quizais os seus fillos ou os fillos destes perdan ese amor case que de loucura. Tal vez dentro de pouco xa non haxa retornados polo san Roque. Sería unha mágoa, sobre todo para eles, por non ter aprendido de seus pais que sempre hai un pouco de razón na loucura.