Volver a Ribadavia

XOSÉ M. RODRÍGUEZ

OURENSE

ANACOS | O |

17 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MANUEL MARÍA aseguraba nunha recente entrevista que, de non ter nacido na Terra Chá, gostaría ser do Ribeiro. As súas paisaxes, as súas xentes, a loita por domear a terra cos seus socalcos e as súas viñas, eran algúns dos aspectos que salientaba o poeta e académico para definir á comarca como un espazo sobranceiro en Galicia. Mais O Ribeiro é algo máis, é a capital do teatro de Galicia e iso é unha reválida que se consigue ano a ano, con moito esforzo e moita cintura para esquivar as envexas, os atrancos, o mal de ollo e as decisións encamiñadas a afogar un certame que se reivindica a si mesmo cada ano, co apoio incondicional dos seus espectadores -verdadeiros militantes culturais- e dos que peregrinan a Ribadavia para disfrutar dun acontecemento único. Ir ao teatro a Ribadavia é un acto de fe, unha esperanza de futuro nun esceario que sabe moito de pasados. Poder disfrutar da presencia dos mellores grupos, dos artistas, de pregoeiros de luxo -Suso de Toro, Luís Tosar, La Cubana, Nuria Espert, Aitana Sánchez Gijon, e outros-, do teatro de rúa, da conversa nas súas terrazas é un privilexio e un luxo que non debemos desaproveitar.