DIARIO DE AURIA | O |
29 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ETELVINO parece un ariete cando abre as manifestacións. É unha gloria velo soportando a pancarta, con forza, ou cun megáfono na boca gritando consignas libertarias. Un ariete que peta contra as portas do castelo de Kafka, tan inhumano, tan gris. Cada paso de Etelvino é un paso que seguen os que van detrás, como se fose o maquinista dunha locomotora imparable, impagable. Etelvino é desa clase de homes que nunca se vende. Un íntegro, un camarada. Cando ceamos o día da república viñeron as lágrimas, sempre inoportunas. Dixo que aínda eramos novos porque estas cousas, tan de utopía, aínda eran capaces de conmovernos: o himno de Riego, o de Pondal, un poema. Abrazar a Etelvino é abrazar o futuro. Por ese motivo eu sei que camiñará as rúas de novo, levando pancartas e megáfonos, gritando que a esperanza é unha muller linda, un horizonte. Eu quero levar hoxe esa pancarta e ese megáfono. Vou gritar no corazón. Ata que non me queden forzas. Gritar para que a saúde volva contigo, camarada. Gritar polas cousas fermosas que defendes. Porque a xente como Etelvino está feita de soños. E os soños resisten as puñaladas. Non te moverán, Etelvino. Nunca.