Crónica | Homenaxe en Santa Mariña No pobo de Santa Mariña vaise celebrar hoxe a festa de aniversario de Severino de la Torre, que chega ao século con humor, con saude e moito cariño dos seus
03 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Naceu o catro do catro do 1904. Hoxe cumpre un século de vida. Severino de la Torre non ve pero camiña, come, canta, coñece á xente de Santa Mariña pola voz, ten un humor que para si quixeran outros e está rodeado do cariño de todos. A familia vaille adicar hoxe unha merecida festa. Sen dúbida é a ledicia da casa. «Aquí nacín e aquí estou», di o señor Severino. Sobre como vai pasar a festa de hoxe, así o conta: «Non lle vexo, voulle dicir, é como se me meteran dentro dunha cuba cando se barre o viño». Pero está feliz. A familia vaille vir toda, ata a de Suiza, os netos, bisnetos, e os catro fillos. A data paga a pena. De la Torre pasa os días disfrutando, por exemplo, dalle por cantar: «Eu canto anque non sei cantar» e de seguido ponse a contar as súas peripecias de cando ía ás festas: «Daquela eu bailaba o que quería». Severino é bo conversador, moi simpático e pícaro á vez. «Nena si vas al prado, cierra bien la portillera, que anda por ahí un torito, que quiere entrar en tu perrera...», pónsenos a cantar. Recoñece que é pícaro: «Si, son, pero formal porque eu son moi amigo das mulleres. Hai quen as mata, hai que lles desarma a vida. Non. As cousas deben ser como marca a lei». Este centenario xuvenil foi agricultor, cazador, festeiro. A súa familia aínda recorda cando tanto bailaba cunha filla do Pingallo en Velle. Está ben de saúde, excepto que perdeu a vista, durme ben, ás veces a sesta. Coñece á xente pola fala: «Se non fala non sei quen é porque non a vexo». «Veñen os amigos e sacanme polos brazos de paseo, varias veces, únicamente que chova. Os veciños, oiga, fálanme. Hai unha veciña, Amelia, que ven sacarme a pasear, porque somos amigos da familia». Severino escoita a radio e segue a televisión. De súpeto anuncia que se vai erguer da silla. Dito e feito. Agarra o caxato como se fose unha guitarra e aló vai outra peza: «Mulata de Camagüey, cómo vienes tan amarilla, de comer plátano verde y pasear por la manigua». Pero o repertorio non acaba: «Caridad, Caridad, ten compasión, tu marido va en tren cama, y tú aquí...». Non para. Fai rir a todos. Botou anos atrás cinco meses cos fillos en Suiza e costáballe deixar as tarefas agrícolas. Acabou indo e visitaba as obras nas que traballaba o seu xenro. Nun tempo foi traballar a Villablino, en León, e perdeuse no tren, recorda o seu fillo Luis. A atmósfera no comedor da casa é engaiolante: «Parece que ó falar, a pesares dos anos que teño e de perder a vista, se me vai o corpo para enriba», pois tan ben se sinte o noso amigo. A receta para cumplir cen anos é esta: «Comer berzas, patacas, carne, pescado ¡de todo! Leite, anque sexa dunha chiva» e tomar viño con azucre. Pero non é lambón: «Son capaz de estar mirando unha cousa e pasar un día e non comela». Felicidades en data tan especial.