Entrevista | Adelino Ángelo
19 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O verdadeiro artista é aquel que provoca. Esta é a razón pola que Adelino Ángelo denuncia coa súa pintura a faciana da sociedade na que vive. Onte inaugurou no Museo Municipal unha fermosa exposición. Está considerado como un dos maiores retratistas do mundo actual e o seu traballo vai quedando nos grandes museos do planeta. É un conxunto moi expresivo, que chama a atención. Máis aló do efecto dunha cámara fotográfica. En cada faciana hai moita expresividade, vida dabondo. Movemento e ledicia. -¿Que nos amosa? -A miña pintura, que é a dun clásico impresionista. A crítica extranxeira di que estou a carón de Manet, Cezanne, Monet, etc. E Torrente Ballester, que era moi amigo meu, dixo que cando espuxese na miña obra os temas dos loucos, dos nómadas e dos xitanos, sería un dos maiores espectáculos do mundo na pintura. -¿Por que elexiu ós xitanos e ós loucos, Adelino? -Nós temos riquezas espirituais moi grandes e sempre gustei de darlle pulo ás miñas potencialidades. Pintei a vida xitana porque eu fun tamén unha especie de xitano. E resolvín con estas potencialidades que me deu Deus e que non lle pedín, pintar a loucura cos esquizofrénicos, paranoicos, os tarados, os xenios. Pinto todas as loucuras saudables. Por iso fixen isto. -Xa din de vostede que semella un Freud. ¿Por que? -Porque fago un psicoanálise da loucura. -¿Como a interpreta? -Eu collo unha figura normal e doulle a interpretación da loucura, eu vou crear, non son un simple reproductor. Eu poño unha loucura porque creo a loucura dándolle máis densidade á materia ou máis ou menos argucia psicolóxica. -Ten cadros con misterio. -Os grandes, ata Leonardo da Vinci, dabanlle misterio ás obras porque o misterio é facil de facer e ó mesmo tempo non. -¿Onde se atopa o misterio? -Mire aquela muller. O sorriso que temos emana da confluencia dos ollos coa boca. Aí está o misterio. Como o que ten a Gioconda. -Os seus cadros están encendidos. Lembran a Sorolla ás veces. -Filgueira Valderde dixo que eu ultrapaso a luz de Sorolla e que na loucura son como El Greco. -Un xeito particular de retrato o seu. -Unha fuxida do clasicismo, das regras anatómicas para dar máis o menos densidade á materia.