Amar é triunfar

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

13 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

TODO é mentira, menos o amor. Incluso é mentira SanValentín, os ramos de flores que envías, as novelas de amor, os bicos sen futuro, as lágrimas sen despedida, os boleros de Los Panchos repetindo que si tu me dices ven lo dejo todo, os sorbitos de champán, as estrelas... todo é mentira, menos o amor. O amor existe aínda que non pasase, de noite, pola túa rúa de olvido e sombra. Existe aínda que non saia no telediario nin no programa electoral. O amor existe porque o amor enxendra a vida, e fai que avancemos, e que a derrota non sexa eterna, e que sempre espere alguén que ti non esperas. O amor existe porque mentres escribo esta columna sei que ti a estás mirando con ollos de lúa, caídos, procurando unha razón para colocar nos teus labios un sorriso de bos días. Anda, corazón, os dous sabemos que só o amor axuda a vivir. E que gracias ao amor somos máis humanos, grandes. Por iso hoxe, como cada día, envolve as horas no celofán das caricias. Grita que a queres, que o queres. Desesperadamente. E que a vida ten sentido. E que virán os malos tempos e resistiremos. Porque amamos. E amar, aínda que non o creas, é triunfar. Ese é o éxito que importa.