Crónica | Velada literaria na cadea O escritor de Verín compartiu cos internos do centro de Pereiro de Aguiar unha sesión na que fixo lectura de pasaxes da súa novela «Ámote» e recitou algúns poemas
02 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?s rexas non son boas compañeiras para o amor e a fantasía, para a imaxinación e a poesía... mais na cadea tamén se pode disfrutar da maxia da creación, da liberdade que da a palabra e da mellor literatura. Puro sentimento. Así o demostrou onte Xosé Carlos Caneiro e os preto de oitenta reclusos que participaron na velada literaria protagonizada polo escritor de Verín e a súa última obra. A voz de Caneiro e os acordes de José Manuel Salgado contaron coa complicidade dos presentes, transformando o frío salón de actos da cadea de Pereiro de Aguiar nun esceario donde disfrutar da mellor literatura galega. Caneiro puxo as súas cartas sobre a mesa nada máis empezar -«veño aquí a traer unha mensaxe de felicidade, de liberdade e de amor para todos vós»- e reafirmou a súa fe nunha condición, a de escritor, que el exerce «lanzando e gritando a miña mensaxe -as veces no deserto, mais sempre gritando- desde o entusiasmo e a liberdade». Foi lendo Xosé Carlos Caneiro párrafos de Ámote e dándolle ós presentes as claves da súa última novela: unha historia protagonizada por un vello, derrotado e solitario xornalista, Ulises Craso, que se inventa unha muller de ollos verdes que o acompaña durante toda a súa vida. Unha muller, que é todalas mulleres e que, como sinala o protagonista: «tódalas mulleres son a muller que está ó meu lado». Ante un auditorio entregado Caneiro foi lendo pasaxes de Ámote que percorrían o salón de actos da cadea enriba dos acordes de temas entrañables -Alfonsina y el mar; Solamente una vez...- que ía ensarillando José Manuel Salgado. E do cerne dun público fervoso saiu un berro seco e forte dunha muller: «¡ Bravo, Caneiro, eres un poeta !». E o creador de Ébora reaccionou como só o poden facer os que dominan a arte da comunicación: rachou o protocolo para recitar na cadea vellos poemas de xuventude, contou algunhas anécdotas dos seus anos de pincha nas discotecas e recurriu a algunhas citas de Ámote das que fan historia: «Sempre é duro vivir, pero vivimos», «Podo vivir só, pero só quero vivir contigo». Logo do sorteo de exemplares da súa obra o escritor de Verín asinou o libro a todos os que llo pediron.