Pensando en ti

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

06 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTA columna sae das tripas, como unha canción de amor, un poema, un suspiro. Esta columna sae da alma, que é unha parte invisible do corpo, cos seus brazos, as súas mans, o seu corazón pequeno e triste. Esta columna é unha felicitación para Concha (oito de decembro, luns), a Concha que está comigo, a que nunca máis vai estar, as Conchas que nadan como barcos de luz entre os meus poros de vencido. Pero esta non é unha columna triste, é un canto de esperanza, como aqueles que cantaban os poetas antes de ser derrotados na batalla do nunca máis. Esta columna, Concha, é para ti. Pero tamén é para todos e todas os que aínda cren que o día menos pensado arribarán os bos tempos á súa praia, os que pensan que non paga a pena o malhumor, a ira, a cólera instalada en medio dos bicos que non damos, pobres. Felicidades, mañá, a todas as Conchas do planeta Auria. As que levo en medio dos ollos e as que pasean pola vida agardando como barcos, barcos de luz, o porto onde amarrar para sempre os seus cabos. Somos esperanza. Un canto de esperanza. (Por eso siempre acuérdate de lo que un día yo escribí pensando en ti, pensando en ti... como ahora pienso).