Entrevista | Francisco García O rexidor nacionalista, ata agora número dous de Beiras, afirma que pediu el mesmo deixar a secretaría de organización para adicarlle máis tempo á alcaldía
29 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.É desa raza de políticos bregados na trastenda. Políticos negociadores, mediadores, xestores, afastados do oropel, e alleos ás luces do escenario. De feito, Paco García defínese -cun sonriso esquinado- coma un fontaneiro, sempre na sala de máquinas, na cociña. E debe selo. Foi número dous -secretario de organización- do rutilante Beiras ó frente da complexa estructura do BNG -cargo que acaba de deixar agora- e antes foi número dous de Anxo Quintana, cando Anxo Quintana alumeaba dende a consistorial alaricana cara o mundo. -Deixa a secretaría de organización do BNG xusto cando se pon ó frente o seu amigo. -E que cando asumín a alcaldía, no 2000, na décima asamblea nacional, pedira xa expresamente deixar a executiva porque é moi difícil atender a actividade política nunha forza coma o BNG e unha alcaldía cun dinamismo como ten Allariz sen estar ó borde do ataque de nervios permanentemente. Foi unha decisión persoal, en contra das especulacións que ten xurdido sobre unha suposta diferencia con Quintana. Non temos diferencias, él mesmo me pediu que seguira. -Pero vaise vostede e vaise tamén da executiva Suárez Canal. ¿O clan de Allariz tivo que pagar un prezo polo feito de que un alaricano chegue a voceiro? -Son coincidencias. Porque me consta que Alfredo renunciou tamén por cuestións persoais. Pero tanto él como eu permanecemos no consello nacional. Ademáis, queda un alaricano á frente da organización e a un paso de selo próximo presidente da Xunta. Eso é un orgullo para os alaricanos. E o centro de poder de Vilalba pode pasar a Allariz. -Vaia, xa os vexo trasladando a Allariz unha romaría estilo Monte do Faro. -Naturalmente. Aínda que como colofón á festa do boi. -E vostede seguirá facendo política na distancia curta, lonxe das masas ... -Síntome máis cómodo na distancia curta. A política conleva hoxe esixencias de marketing e imaxe, e eu síntome máis cómodo no traballo do día a día e nas relacións persoais. Penso que para facer un bó traballo tense que dar a conxunción dos dous factores. -¿Non lle foi ingrato quedar coa alcaldía despois de que xa pasara a admiración colectiva, e cun pobo que era máis «quinista» que nacionalista? -Sí, é un reto asumir unha responsabilidade cando hai un listón tan alto. -Non me refería ó listón da xestión, porque creo que vostede asumiu parte importante dela, senon a sustituir a un líder carismático. -No plano humano somos persoas moi diferentes, aínda que o estereotipo sobre Anxo non se corresponde coa realidade. É una persoa máis extravertida do que parece, só que tivo que asumir responsabilidades políticas de calado. Para min a súa principal virtude é a capacidade de liderazgo, renunciando, claro, a moito no persoal. -¿Pode ser presidente da Xunta a curto plazo? -Creo que ó marxe da súa valía contrastada no Concello e no Senado, hai un factor de relevo xeneracional importante, e sobre todo si Fraga non se presenta ás eleccións do 2005, o BNG ten un liderazgo que sintonizará cunha franxa importante, a dos menores de 35 anos, onde temos o noso maior apoio. Pero aínda que reúne todos os requisitos do liderazgo, o máis importante é inspirar confianza na sociedade galega da nosa proposta. De pouco valería o liderazgo se a organización non contribuie cun plus.