No pasarán, lo juro

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

29 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

MENTRES a actualidade convoca concurso diario de banalidades, lesións á intelixencia, descalabros morais, reticencias e indecencias, politiqueos de baratija... mentres todo isto sucede, o Liceo de Auria segue o seu curso. Asumen dende hai tempo a verdade que un, humildemente, reitera día tras día: o gran activo desta provincia, deste país, é a súa cultura. Pero non investimos en cultura. Investimos en casas de baños reconvertidas, recalificacións e descalificacións diarias ao cidadán votante que vai seguir votando o que vota (¿Votar? ¿Para que?). O Liceo, baixo o perpiaño das súas paredes, converteuse en barricada. As Luces agáchanse entre os seus muros e non penetra o tufo mortecino do exterior. O Liceo organiza, como cada ano, os encontros literarios. E enche os seus salóns, e propaga o aire fresco da lucidez, e fomenta o diálogo, o saber, a sensibilidade. Fóra: o ruído. Deixarei de ocuparme do ruído algunha vez, para que non me faga dano, para non sufrir. Talvez a felicidade sexa iso, simplemente: non sufrir. Eu tamén levantarei barricadas no corazón. E non pasarán as navallas, as actualidades, o desencanto. No pasarán, lo juro.