Entrevista | Manuel Rodicio Pozo
14 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Manuel Rodicio é quen leva o peso na diócese de organizar todo o relacionado coas misións. Di que é a hora delas, que seguen de actualidade. -¿Como se presenta a campaña do Domund na diócese? -Con esperanza. Pensa que é cecais a campaña máis enraizada na vida dos ourensáns. Ourense ten moitos misioneiros e a xente conta cunha sensibilidade especial, tenlle moita simpatía a esta xente. -É certo. Motas veces son eles os que levan, en certas conversaciós sobre a Igrexa, a mellor nota. -Son o rostro máis amable da Igrexa e neles se conectan moitos valores comúns. Onde un misioneiro di Xesucristo, tamén di pozo de auga, dispensario médico, escoliña. -A xente pensa: Misioneiro igual a crego, a frade, a monxa. ¿Hai algún outro xeito de adicarse a estas tarefas sen estar nesa condición relixiosa? -Este verán houbo xente que adicou as vacacións a ir ás misións. Cada ano hai máis xente que prefiren axudar no periodo de descanso laboral. -¿Que tipo de cidadáns se apuntan? -Médicos, profesores, farmecéuticos. E mira, hai un caso dun ourensán que foi a axudar a Perú e alí casouse e segue. E tamén hai xente que vai pero non o fai dende a fe. Dinche que non teñen iso da fe moi craro pero que están dispostos a botar unha man e viven experiencias novas que os enchen. -¿Como andamos de misioneiros da diócese? -Hoxe non chegan a trescentos e cada vez son persoas máis maiores. -Este domingo celebrase o Domund. ¿Onde van parar eses cartos que a xente da? -As colectas de tódalas dióceses se canalizan mediante as Obras Misionais Pontificias, entre Madrid e Roma. Roma marca as actuacións prioritarias. Os cartos a través da OMP se distribúen equitativamente en todo o mundo. Pero esto non quita que haxa parroquias ou xente que diga que quere achegar unha cantidade para unha obra misioneira concreta en tal país. Eses cartos xa van directamente a ese destino. Ninguén vai meter o dedo. E dase moito diñeiro só para casos particulares que a xente quere satisfacer.