A vila comezou nove días de festa arredor deste animal tan ligado á tradición que se convirte no rei da rúa Do pregón encargouse o gremio dos Homes do Sedeño
14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.En Allariz o espíritu da Festa do Boi enche xa toda a vila despois da primeura xornada adicada á proba do boi. Nunha noitiña quente polas temperaturas coas que nos agasalla este xuño, quedou claro que o animal vale e que servirá para divertimento dos veciños e forasteiros dende a carreira de este serán ata a última do domingo que ven. ¡Viva o Boi! é o saúdo que se lanzan os alaricanos nestas datas cheas de tradición e de ledicia. Expresión que este ano soa distinta cecais polo vinte aniversario de potenciación dunha festa que xa anda pertiño dos setecentos anos. A vila viviu un sábado animado co tronar das bombas, o pasarrúas dos gaiteiros e o pregón a cargo dun membro do gremio dos Homes do Sedeño. Despois de probar o boi houbo tempo para mollar as gorxas co viño a ritmo de gaitas e o concerto do grupo Burgas Beat. A xornada de onte débese, segundo escribiu o finado Puga Grau, a unha tradición que vén do século XVI, cando por estas datas facía falta un toro e había rivalidade en aportar o animal máis bravo. Para comprobar esa bravura naceu a tradición da proba, pola que o boi mellor pasaba a ser o rei da festa. Tradición que onte volveuse celebrar nesta vila de tanta historia. Con outro xeito, con outra alegría.