A capital estrea hoxe un novo vieiro cultural para homenaxear ó pensador ourensán no seu centenario A música e a poesía tamén formarán parte da celebración deste mércores
03 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Hoxe fai cen anos que nacía en Ourense o galeguista Alexandre Bóveda, un pensador que, de estar vivo agora, moitos expertos din que sería unha mente económica importante. Esta data vai ser subliñada na súa cidade coa estrea dun novo roteiro, o adicado a Bóveda, con sinais en trece lugares urbanos. Serán plaquiñas de cerámica cunha pequena pirámide, moi xeitosas. Bóveda foi fusilado polos fascistas un 17 de agosto do 36. Agora, O Concello de Ourense, A Deputación e a Universidade de Vigo patrocinan este percorrido que trata de lembrar a este home por sitios que teñen relación directa ou indirecta con el. Dende a rúa da Barreira, 16 ata o campus. Fillo predilecto da provincia, a súa obra segue vixente nos nosos días pois, segundo dixo Marcos Valcárcel, foi o máximo artífice do pensamento económico do Partido Galeguista e quen mellor entendeu que o galeguismo debera abrirse a toda a sociedade. Ás sete e media deste serán comezará o roteiro pero hoxe só se van facer tres paradas, coa participación de poetas, por razóns de tempo xa que unha hora despois no Liceo haberá un acto literario. Con este son xa catro os roteiros que ofrece a capital ourensá. Blanco Amor ten o da Esmorga ; as esculturas das ruas urbanas tamén teñen o seu roteiro así como o específico do cemiterio de San Francisco, Ben de Interese Cultural.